Estándares da UNESCO sobre competencias TIC do profesorado

Neste documento, bastante amplo, podemos ler e reler sobre competencias TIC do profesorado. É o que a UNESCO considera a día de hoxe fundamental para unha educación actual de calidade e proxecta os camiños a seguir no futuro inmediato. Está claro, cada vez máis, que o profesorado debe obter unhas competencias básicas nas TIC para aplicar ó ensino principios de calidade educativa e transmitir ó seu alumnado as necesarias capacitacións para desenvolverse na sociedade da información. Isto xa, hoxe, agora mesmo. Nunha segunda fase, e logo nunha terceira, as competencias esténdense ata niveis de auténtica calidade da educación correspondentes co desenvolvemento tecnolóxico acelerado que estamos a vivir.
E as administracións educativas deberán respostar con medios suficientes e unha axeitada formación do profesorado a estas esixencias. Penso que o profesorado debería, na medida das súas posibilidades (talvez por riba desa medida), mergullarse nas TIC e anticiparse ás posiblemente febles respostas políticas, e polo tanto económicas, a estas necesidades.
Ocórreseme un símil co cambio climático. Mentres a política vai moi por detrás das realidades e das conciencias sociais  do enorme problema que supón esa realidade, moitas persoas sofren as súas consecuencias. E estas serán cada vez maiores. Pois a sociedade e o desenvolvemento tecnolóxico xa hai tempo que están moi lonxe das prácticas educativas tradicionais. E só algunhas políticas educativas no mundo están certamente á altura da necesaria renovación pedagóxica. En España, como conxunto, non estamos nesa onda de modernidade educativa. Pero hai certamente grandes diferenzas entre unhas autonomías e outras. Así, en Galicia estamos seguramente nos últimos lugares, ou no último, no que se refire á incorporación das TIC á práctica docente. Sen suficientes medios materiais, sen apoio da administración educativa ó profesorado que intenta facer algo positivo, sen formación nin información, o panorama galego está a ser lamentable.
Agora preocupa o Informe Pisa, pero dentro de nada haberá outros informes máis demoledores sobre o estado da situación e da calidade educativa na nosa terra. E produciranse as consabidas reaccións políticas, e esas reaccións serán insuficentes, coma sempre, pero tratarán de poñerlle remedio á situación. Aumentará o investimento en educación, centrándose por primeira vez de xeito efectivo nas TIC, cando xa outras sociedades estean no seguinte nivel. Iremos por detrás das necesidades e os informes situarannos outra vez nos últimos lugares a nivel europeo.
Xa sabemos que o investimento en educación aquí é moi inferior ó de Finlandia, pero tamén ó de moitos países do noso entorno  en relación co seu PIB. E a nosa sociedade, sumida en boa parte na fenda dixital, non reacciona esixindo maiores esforzos políticos no axeitamento da situación educativa ás necesidades actuais. Mesmo porque esas necesidades e esa actualidade son grandes descoñecidas. Pero non o serán por sempre. Tamén o do cambio climático soaba a broma e a invento de agoreiros, pero en pouco tempo a sociedade tomou conciencia (seguramente non a suficiente).
Quero, unha vez máis, animar a todo o profesorado galego a coller o temón da súa formación e capacitación básica nas TIC, a esixir á administración un maior investimento en medios e formación. Desexo, polo ben da educación galega, que esteamos preparad@s  para asumir unha nova pedagoxía consonte cos tempos actuais e, se fose posible, de liderala o día de mañá. Podemos aspirar a todo ou quedar a durmir ata que o noso soño se transforme nun pesadelo.
Os meus parabéns e agradecemento a tod@s aqueles/as que se están a esforzar, e moito, a través dos blogues, wikis, redes sociais colaborativas, webs, e toda a 2.0, por faceren posible a esperanza.

3 Responses to “Estándares da UNESCO sobre competencias TIC do profesorado”

  1. rafaelrobles.com Vida de profesor » Estándares de competencia en TIC para docentes Says:

    [...] Alberto Armada, coordinador TIC, llego al documento “Estándares de competencia en TIC para docentes“, [...]

  2. Xano Says:

    Parabéns pola túa constancia na reclamación de medios, recursos e formación; por certo, se me permites, espallo o teu gif ao respecto.
    O documento é para debullar con tempo e aproveitar na formulación das demandas, como ti ben sinalas.

  3. Alberto Armada Says:

    Non te demores no espallamento. Publiqueino con esa intención pero non me atrevín a suxerir unha difusión. Se ti ou alguén pode e/ou quere melloralo estarei encantado.

Leave a Reply