Pois agora resulta que o sr. Ministro de Industria coincide plenamente coas miñas reivindicacións, plantexadas unha e outra vez ao longo deste curso que vén de rematar. Esta é unha mostra máis de que as TIC están a chegar ás aulas dun xeito ineludible. Descoñezo se aquí en Galicia seguirán a mirar moito tempo para outro lado. Moito me temo que seremos a última comunidade en incorporar as TIC nas aulas, e o profesorado galego terá que acelerar de súpeto a partires dun momento determinado por non estar a sintonizar durante estes anos coas esixencias da nova educación. Ben, algunhas profesoras e profesores de Galicia estamos preparados e seguiremos a prepararnos incesantemente a pesares de non contar cos medios que posibiliten a incorporación das TIC nas nosas clases. Somos unha minoría descoñecida pola maioría. Incluso non nos miran moi ben e semella que nos entenden pouco. O tempo vainos dar a razón e pasaremos a ser a minoría escoitada e solicitada. E aí estaremos para axudar a quen o precise.



































































































































