Hoxe leo en “El Correo Gallego” que Galicia, xunto con Estremadura, está na cola de Europa no uso de Internet.
“El bajo nivel educativo y económico aleja a estas comunidades de su integración en la sociedad de la información ·· Son las conclusiones a las que llega un estudio de la Universidad Rey Juan Carlos”
Sinálase neste estudo que “existe una importante brecha digital entre comunidades autónomas“. E que “esta brecha sitúa a Extremadura y Galicia a la cola y a gran distancia de asumir los rasgos propios de una sociedad de la información“.
Pódese ler a noticia completa.
Bueno, nada novo e nada sorprendente nos resultados. Polo menos, para min. Só unha apreciación: mentres que en Estremadura teñen un ordenador por cada 2 alumnas/os nas aulas dos centros educativos, aquí en Galicia resulta moi raro atopar tan só un ordenador en calquera aula. Mentres que en Estremadura dispoñen de unha/un administradora/administrador de rede en cada centro con horario completo, aquí en Galicia non temos en ningún centro persoal asignado para que a rede e os ordenadores estean “atendidos” e funcionen correctamente. Mentres que en Estremadura existe a figura da/do coordinadora/coordinador TIC con recoñecemento oficial e horario suficiente para realizar o seu traballo de asesoramento e impulso para a integración das TIC nas aulas, aquí en Galicia non existe nin tal recoñecemento nin tal horario fóra de 20 centros “piloto” que para o vindeiro curso aumentarán na nada desprezable cifra de 10 máis. E así sucesivamente… do mesmo xeito que existe unha fenda dixital que se está a agrandar tódolos anos, tamén é constatable que algunhas comunidades (Estremadura, xa citada, pero tamén Castela-A Mancha e outras) están a poñer medios a disposición do ensino para que dentro dun tempo o estatus de sociedades pouco desenvolvidas no ámbito das TIC mude dun xeito apreciable e poidan saír desa cola española e europea. Aquí en Galicia non se está a favorecer nin con medios, nin con persoal, nin con apoios a incorporación das TIC ao ensino. Xa o vimos dicindo dende hai tempo: estamos a percorrer o camiño axeitado para chegarmos a ser sociedade máis atrasada no mundo da información e a comunicación. Seguramente esta xeración de estudantes de Galicia deberá o día de mañá complementar a súa formación (quizais en Estremadura) para aprender algo do que se precisa para obter unha cualificación que lles permita optar a postos de traballo propios da sociedade da que nos estamos a alonxar.