Onte levei ás/ós alumn@s de 5º B á pdi e estivemos a estudar o primeiro módulo sobre as fraccións que nos ofrece o programa dese título publicado nun post recente e nas páxinas de recursos e 3º ciclo de primaria. É incrible a diferenza entre estudar as fraccións na clase e co libro de texto e facer o mesmo na pdi. Agora estou seguro de que @s alumn@s da miña tutoría saben o que son as fraccións. O que ignoro é cando lles poderei poñer o seguinte módulo… Xa estamos a facer cola para utilizar os recursos. ¿Enviarán algo agora que vai haber eleccións?
¿Incrible? Iso parece, pero… Velaquí que acabo de atopar un post publicado fai tres días no blog “choulo.wordpress.com” no que anuncia que un investigador informático de nome Johnny Chung Lee tivo a xenialidade de converter un simple portátil conectado a un proxector nunha pizarra dixital interactiva e tamén nun tablet pc multitáctil. ¿Cal é o segredo? Un simple mando da consola Wii de Nintendo chamado Wiimote que vén custando uns 40 €. O ordenador debe ter bluetooth (se non o ten, cómpre un adaptador que custa uns 20 €). O software para o seu funcionamento tamén está publicado e pódese descargar. Agora, para mostra (hai máis de un) podedes ollar este vídeo demostrativo. Aínda que está en inglés resulta moi comprensible polas secuencias que mostra.
Hoxe empezamos a experimentar cunha aplicación de debuxo na pizarra dixital. Achegóunola Belén e a verdade é que ofrece case todo o que un pode desexar nun programa desta categoría. Inicialmente parece destinada ós pequenos de infantil e primeiros cursos de primaria, pero a utilización destas ferramentas sempre resulta extensible a calquera idade. Para utilizala temos que descargala desta páxina, onde tamén hai unha segunda descarga adicional de “selos”, unha colección moi útil para estender as posibilidades da aplicación. Podedes observar esta captura de pantalla para facervos unha idea, pero o ideal é empezar a usala. No noso centro, agardaremos uns días ata que Belén practique un pouco e estea en condicións de darnos unha explicación práctica do seu funcionamento na pizarra dixital. Penso que hai que espallar este recurso e por iso acabo de publicalo en “aulablog“.

Onte o noso administrativo, Tono, deu unha clase sobre a utilización do Xade para o profesorado de ESO, utilizando o recurso da pizarra dixital. A pdi resulta xa imprescindible como axuda para unha explicación colectiva. O próximo luns repetiremos a operación para o profesorado de infantil e primaria.

Presentacións sobre a pizarra dixital interactiva. Para velas a tamaño completo tedes que facer clic no icono inferior dereito e, unha vez que esteades na páxina que contén a presentación, clicar en “full” tamén abaixo á dereita.
1ª parte
2ª parte
A estas alturas non está nada mal que case a metade do profesorado do noso centro establecese algún contacto coa nosa admirada pizarra dixital. Agora ben, non é por metervos présa, pero xa hai tempo que existen outras pizarras dixitais moito máis interactivas, como poderedes apreciar no seguinte vídeo. Así que vaiámonos poñendo as pilas porque isto que nos parece tan novidoso e complexo será o que @s nos@s alumn@s manexarán o día de mañá. Isto, e quén sabe cánto máis… A educación está a evolucionar moito con tanta nova tecnoloxía. Só nos queda adaptarnos. Xa sabedes: a teoría da evolución… e a práctica da educación.