¿TIC para tod@s?

Pois non. Semella que aquí en Galicia debe haber cousas máis importantes nas que gastar os cartos dos contribuíntes. Estou a acadar certa información do resto do estado no que se refire ó apoio das administracións educativas á función d@s coordinadores/as TIC.
Onte souben que en Andalucía un Centro TIC, que os hai a moreas e non un 2% como aquí, está dotado con 300 ordenadores repartidos en 20 aulas e a súa coordinadora dispón de nove horas semanais para o desempeño do seu cargo. Tamén contan con formación do profesorado e máis apoios da súa administración.
Hoxe souben que en Euscadi empezaron este ano coa función de coordinadores/as TIC en 120 centros e cada un/unha dispón de doce ou trece horas semanais para traballar coas TIC.
Estou a aprender que o que non dá igual tampouco é o mesmo. Ou sexa, que non entendo nada…

Estándares da UNESCO sobre competencias TIC do profesorado

Neste documento, bastante amplo, podemos ler e reler sobre competencias TIC do profesorado. É o que a UNESCO considera a día de hoxe fundamental para unha educación actual de calidade e proxecta os camiños a seguir no futuro inmediato. Está claro, cada vez máis, que o profesorado debe obter unhas competencias básicas nas TIC para aplicar ó ensino principios de calidade educativa e transmitir ó seu alumnado as necesarias capacitacións para desenvolverse na sociedade da información. Isto xa, hoxe, agora mesmo. Nunha segunda fase, e logo nunha terceira, as competencias esténdense ata niveis de auténtica calidade da educación correspondentes co desenvolvemento tecnolóxico acelerado que estamos a vivir.
E as administracións educativas deberán respostar con medios suficientes e unha axeitada formación do profesorado a estas esixencias. Penso que o profesorado debería, na medida das súas posibilidades (talvez por riba desa medida), mergullarse nas TIC e anticiparse ás posiblemente febles respostas políticas, e polo tanto económicas, a estas necesidades.
Ocórreseme un símil co cambio climático. Mentres a política vai moi por detrás das realidades e das conciencias sociais  do enorme problema que supón esa realidade, moitas persoas sofren as súas consecuencias. E estas serán cada vez maiores. Pois a sociedade e o desenvolvemento tecnolóxico xa hai tempo que están moi lonxe das prácticas educativas tradicionais. E só algunhas políticas educativas no mundo están certamente á altura da necesaria renovación pedagóxica. En España, como conxunto, non estamos nesa onda de modernidade educativa. Pero hai certamente grandes diferenzas entre unhas autonomías e outras. Así, en Galicia estamos seguramente nos últimos lugares, ou no último, no que se refire á incorporación das TIC á práctica docente. Sen suficientes medios materiais, sen apoio da administración educativa ó profesorado que intenta facer algo positivo, sen formación nin información, o panorama galego está a ser lamentable.
Agora preocupa o Informe Pisa, pero dentro de nada haberá outros informes máis demoledores sobre o estado da situación e da calidade educativa na nosa terra. E produciranse as consabidas reaccións políticas, e esas reaccións serán insuficentes, coma sempre, pero tratarán de poñerlle remedio á situación. Aumentará o investimento en educación, centrándose por primeira vez de xeito efectivo nas TIC, cando xa outras sociedades estean no seguinte nivel. Iremos por detrás das necesidades e os informes situarannos outra vez nos últimos lugares a nivel europeo.
Xa sabemos que o investimento en educación aquí é moi inferior ó de Finlandia, pero tamén ó de moitos países do noso entorno  en relación co seu PIB. E a nosa sociedade, sumida en boa parte na fenda dixital, non reacciona esixindo maiores esforzos políticos no axeitamento da situación educativa ás necesidades actuais. Mesmo porque esas necesidades e esa actualidade son grandes descoñecidas. Pero non o serán por sempre. Tamén o do cambio climático soaba a broma e a invento de agoreiros, pero en pouco tempo a sociedade tomou conciencia (seguramente non a suficiente).
Quero, unha vez máis, animar a todo o profesorado galego a coller o temón da súa formación e capacitación básica nas TIC, a esixir á administración un maior investimento en medios e formación. Desexo, polo ben da educación galega, que esteamos preparad@s  para asumir unha nova pedagoxía consonte cos tempos actuais e, se fose posible, de liderala o día de mañá. Podemos aspirar a todo ou quedar a durmir ata que o noso soño se transforme nun pesadelo.
Os meus parabéns e agradecemento a tod@s aqueles/as que se están a esforzar, e moito, a través dos blogues, wikis, redes sociais colaborativas, webs, e toda a 2.0, por faceren posible a esperanza.

As miñas clases con TIC no 3º Ciclo de Primaria

Este é o novo blog que estou a xestionar dende fai dous días. Resulta máis operativo e útil para ter a man os recursos TIC que utilizo nas miñas clases. Polo momento fixen unha clasificación bastante laboriosa centrada nos contidos de 5º de Primaria e principalmente de Matemáticas e Coñecemento. Na medida en que dispoña de tempo traballarei máis a fondo na clasificación e seguramente para o curso que vén poderei facer a miña programación completa combinando o analóxico co dixital.
tic561.jpg

¿Queremos TIC?

Se a Consellería de Educación da Xunta de Galicia pretende introducir as TIC no sistema educativo, suxiro que empecen por:

  • Impartir cursos TIC a todo o profesorado galego dentro do horario lectivo.
  • Dotar ós colexios dun ordenador en cada aula por cada 2 alumn@s.
  • Dotar a cada aula dunha pizarra dixital interactiva.
  • Establecer a figura d@ coordinador/a TIC con asignación horaria completa para realizar as súas funcións.
  • Dotar a cada profesor/a dun ordenador portátil para o seu traballo diario.

Ollo coas estafas

Se a alfabetización TIC non avanza o suficiente, e dende as escolas temos moito que facer (se a administración educativa nos apoia), calquera que teña un ordenador pode ser estafado. A alerta de hoxe consiste nun roubo cibernético que empeza pola recepción dun correo electrónico notificando unha devolución de cartos por parte da Axencia Tributaria. Quen conteste ese correo para recibir a suposta devolución deberá indicar os seus datos bancarios. A partires dese momento o atraco resulta doado para quen enviou o devandito correo. Nunca se deben poñer en coñecemento de terceiros os datos bancarios, porque é unha invitación a dispoñer dos nosos aforros. As estafas por teléfono tamén son frecuentes, pero nesa TIC a poboación está bastante formada. A educación de hoxe non pode limitarse a ensinar o de sempre cos métodos de sempre. A poboación utiliza tecnoloxías da información e a comunicación. Os gobernos teñen o deber de formar ás persoas e somos @s profesionais do ensino @s encargad@s de facelo. Cadaquén deberá extraer as súas propias conclusións.

As TIC chegan ós maiores

Extracto do artigo publicado:INTEGRACIÓN

As TIC chegan ós maiores con Avanza 55+

17.12.2007

O novo plan busca conseguir que o colectivo de máis idade aprenda a empregar as novas tecnoloxías da información e as comunicacións

EFE . MADRID

A vicepresidenta primeira do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, anunciou o martes a posta en marcha de Avanza 55+, un plan de formación dotado de axudas económicas para que as persoas de máis de 55 anos se incorporen ás novas tecnoloxías. Estará dotado “cun fondo especial que incluirá axudas financeiras para equipamento informático“. Con referencia a este anuncio, o secretario de Estado de Telecomunicacións, Francisco Ros, explicou que o programa Avanza 55+ se incluiría no plan Avanza Ciudadano previsto nos Orzamentos Xerais do Estado do 2008, e que consistirá “en campañas de difusión e achegamento das tecnoloxías a este colectivo”. Ros sinalou que aínda que o uso de internet nos menores de 35 anos é superior á media da Unión Europa e que no caso dos usuarios de entre 35 anos e 55 anos España se sitúa na media do resto de países, por riba desa idade “España está por baixo da media europea, a pesar do avance dos últimos meses”. Con todo, De la Vega recordou que nestes catro anos máis de 200.000 maiores incorporáronse ás novas tecnoloxías e que os máis de seis millóns de persoas do ámbito rural que no 2003 non tiñan acceso a internet ten un telecentro gratuíto a menos dun quilómetro do seu domicilio, agora si o teñen, o que supón, indicou, máis de 3.000 centros de conexión instalados en España. Tamén se comprometeu a crear unha Rede de Cidades Innovadoras en colaboración coa Federación Española de Municipios co fin de que todos os concellos melloren no ámbito dos servizos públicos dixitais que nesta lexislatura e nos departamentos da Administración Xeral do Estado “creceron un 20 por cento, pasando do 50% ó 70%”, dixo.

As TIC chegan ós maiores con… | El Correo Gallego - Diario de la Capital de Galicia

¿E os portátiles que prometeran para @s profesores/as? Bueno, se cadra é moito pedir… pero como o anunciaran… A min quédanme menos de cinco anos para acceder a esas axudas para equipamento. A ver se daquela vánseme xuntar os dous ofrecementos… Oxalá.

Publicado con Flock

Posted in Noticias, TIC. Tags: . No Comments »

Congreso Internet na Aula

Do 1 de abril ó 15 de outubro de 2008 celebrarase un Congreso sobre a utilización de internet nas aulas, a nivel nacional, en dúas modalidades: online e presencial. A fase presencial durará tres días (26, 27 e 28 de xuño) e terá lugar en Madrid, Barcelona, Granada e Santander. A proposta parte do MEC e permitirá poñer de relevancia o que se está a facer en todo o territorio nacional. Quizais sirva de chamada de atención para as autoridades educativas galegas que supoño que xa sospeitan que no resto do estado os gobernos autonómicos están moi implicados no tema. Quizais nos permita engancharnos no último vagón do tren e poñer en marcha dende as nosas institucións proxectos que apoien as inquedanzas de moit@s profesores/as de Galicia e acadar que a educación co uso das TIC se estenda a todos os centros de ensino da nosa terra e non só permaneza reducida a uns cantos colexios escollidos e favorecidos, con recursos humanos e materiais dos que a maioría carecemos. Se a nosa educación non está ó nivel que debe estar, se existe unha brecha educativo-dixital co resto do estado, ¿acaso a solución é facermos outra brecha interna na nosa comunidade? O reto é enorme para nós. Anímovos a participar activamente, plantexando e reivindicando todo aquilo que consideredes que pode beneficiar ó alumnado galego. E xa sabedes que as TIC aplicadas á educación non son só os ordenadores (escasísimos en relación a Extremadura) ou a única pizarra dixital de que dispoñemos porque un día nola fixeron chegar sen máis (nin sequera a instalaron, nin nos indicaron para qué servía nin cómo funcionaba); as TIC tamén son aulas de idiomas, formación do profesorado (aínda estou inscrito nun curso de formación de coordinadores TIC que empezou o 7 de novembro e rematará dentro de tres días, ou sexa que estou esperando que me confirmen dende a Consellería se podo facelo ou non, e se cadra mo confirman cando quede un día para que remate), reflexión sobre o novo sistema educativo, mantemento dos medios tecnolóxicos, recursos humanos, recursos económicos, ratios axeitadas (¿quen se atreve a levar as TIC a un grupo de 25 alumn@s de infantil?), en un longuísimo etcétera. Son consciente de que a maioría do profesorado de Galicia mostra desinterese polas TIC aplicadas ó ensino porque carece de formación e información, de tempo para dedicarlles e de apoio institucional. ¿Saltaremos estas barreiras? De momento, reclamaremos ata que nos atendan. Dise que os maiores de trinta anos somos inmigrantes tecnolóxicos. ¿Dirase que @s galeg@s somos emigrantes informativos, que teremos que acudir fóra para atopar a información que aquí non se vai producir? ¿Outra vez emigrando? Polo de agora, cando atopo recursos educativos TIC para propoñer como forma de dinamizar, o 99% están en redes exteriores á da Xunta de Galicia. Ben, só queda participar nese congreso e pensar que o futuro pode ser outro.

Déixovos o congresoieaoct07_v05_webcongreso.pdf para que lle botedes unha ollada.

Posted in Noticias, TIC. Tags: , . No Comments »

Proxectos TIC no noso CPI

Son moitos os proxectos tic aplicados ó ensino que se están a desenvolver no noso CPI por parte de alumn@s e profesores/as. Seguramente algúns/algunhas de vós coñecedes todos ou a maioría deles, pero aínda resultan descoñecidos para a maioría. Por iso quero informarvos do que temos publicado a día de hoxe para que poidades visitar os distintos blogs e tamén o wiki do colexio. No caso dos blogs, recórdovos que son interactivos no sentido de que podedes facer comentarios nos mesmos, o cal é moi de agradecer por parte de quen os xestionan. No caso do wiki, calquera d@s profesores/as pode engadir contidos (practicamente ninguén o está a facer). Supoño que o tempo de que dispoñedes para enredar con estas cousas da web 2.0 producidas por parte da nosa comunidade escolar require un pequeno esforzo, pero non facelo significa cando menos un desinterese pouco comprensible. É coma se cando se reparte a revista escolar só uns cantos se dignasen a botarlle unha ollada. Os recursos educativos publicados nos distintos espazos creados están concibidos para aplicármolos ó noso alumnado, sexa nos ordenadores das aulas de informática ou na pizarra dixital. De que fagamos uso deles dependerá que as aprendizaxes progresen pola senda que hoxe en día se considera a máis axeitada para unha educación de calidade. Podemos continuar coas clases tradicionais e incluso sentirnos satisfeitos con elas, pero podo asegurarvos que xa non teñen o valor educativo de que gozaron ata hai pouco, non só porque coas novas tecnoloxías se aprende máis e mellor, senón porque habituar ó noso alumnado a estas novas formas de aprender e interactuar poderá preparalo para o futuro que lles agarda nunha sociedade da información na que ineludiblemente terán que desenvolverse. Un pequeno, ou non tan pequeno, esforzo por parte dos educadores é xa imprescindible. E sabemos que non nolo poñen fácil as nosas autoridades educativas, porque temos un horario lectivo moi cargado, moitos proxectos para desenvolver, demasiadas reunións de todo tipo, poucos recursos, etc. Agora cómpre elixir: un esforzo extra e non recoñecido ou unha xeración sen recursos nunha sociedade esixente na que quen dispoña da capacidade de obter información terá garantido o éxito. Como dinamizador das TIC síntome responsable de que lle deamos este novo enfoque á educación e ademais teño o convencemento de que é o único camiño.

 

Estes son os nosos espazos na rede:
Páxina web do CPI
Blog “Na lingua de tod@s”
Blog das TIC
Blog de 4º de ESO
Blog “Caladiños”
Blog de Educación Vial

Caderno de Lingua
Blog da tutoría 5º B
Wiki “Donaurelio”
Wiki da tutoría 5º B

Cando se pode

Hoxe, nunha hora libre conseguimos reunirnos sete profesores/as na aula multimedia para aprendermos algo más sobre a pizarra dixital, os blogs e os wikis. A tarefa levará tempo e moitos/as profesores/as aínda non tiveron oportunidade de practicar nesta aula, pero seguiremos explicando e traballando cando dispoñamos de tempo. Pola tarde había reunión do departamento TIC, así que a sesión da oitava hora dos martes non se puido facer. Agardamos que para o vindeiro martes poidan asistir máis profesores/as.

Non hai tempo que perder

Tamén hoxe demos a primeira clase sobre a utilización da aula do encerado dixital. A afluencia non puido ser masiva porque había reunións de todo tipo. Foi unha primeira toma de contacto, que terá a súa continuidade. Sentímolo pol@s que non puideron asistir, pero pensamos dedicar a oitava hora dos martes a aprender e practicar. Estades tod@s invitad@s.