Galicia recibirá 5.700.000 € para pecés

Recollo íntegra a nova dende Galicia-Hoxe:

Escola 2.0

Galicia recibirá 5.700.000 € para pecés

Terá que achegar outro tanto para os portátiles de 5º

EFE . MADRID

O Consello de Ministros aprobou onte a distribución de case cen millóns de euros en 2009 para o programa Escola 2.0 entre as comunidades autónomas de réxime común, que investirán a mesma cantidade para este fin.

Segundo informa o Goberno, o programa prevé a transformación nos próximos catro anos das aulas tradicionais de quinto e de sexto de Primaria e primeiro e segundo de Secundaria noutras dotadas de lousas dixitais e conexión sen fíos a internet, nas que o profesor disporá dun computador portátil e cada alumno traballará cun persoal “ultraportátil”.

Para a distribución do orzamento destinado a equipamento, que ascende a 93,3 millóns de euros, téñense en conta o número de alumnos de quinto de Primaria de todos os colexios sostidos con fondos públicos e o número de aulas dese curso dos centros públicos.

“Deste xeito, o Goberno garante o financiamento suficiente para dotar de computadores a todos os alumnos de quinto de Primaria, así como o equipamento necesario para o profesorado e as aulas dos colexios públicos”, segundo argumenta o Executivo na referencia do Consello.

Formación en novas tecnoloxías

O Ministerio destinará preto de cinco millóns de euros á formación dos especialistas en novas tecnoloxías dos colexios e dos profesores das aulas que se incorporan ó programa Escola 2.0, así como para a elaboración e impulso da creación de materiais e recursos educativos dixitais.

Para a súa distribución terase en conta o número de aulas de quinto de Primaria e o número de centros sostidos con fondos públicos.

Galicia percibirá 338.068 euros para dedicar a formación e 5.363.232 para fornecer de material dixital. Andalucía será a comunidade que máis recursos reciba da Administración central, 21,8 mi­llóns de euros, seguida por Cataluña (15,4 millóns), Comunidade Valenciana e Madrid (11 millóns cada unha delas).

“Trátase dun programa global de innovación educativa que contará en 2009 cun total de douscentos millóns de euros financiados ó 50 por cento polo Ministerio de Educación e as comunidades autónomas”, precisa o Executivo.

O EXPERTO

“Coa lousa dixital o rendemento sobe ó 90%”

José Dulac, investigador e formador sobre a lousa dixital interactiva, asegurou onte que coa introdución desta tecnoloxía nas aulas, España conseguirá “reducir as carencias” educativas que marcan os informes europeos, como o PISA, e porase ó nivel medio.

Segundo Dulac, cando un profesor dispón dunha lousa dixital e unha formación adecuada recupéranse as carencias pedagóxicas debido a que se mellora a comunicación cos alumnos e cáptase máis fácil a súa atención.

Dulac admitiu que España está “un pouco” por baixo da media europea, pero afirmou que “España está mellor situada a nivel de tecnoloxía educativa que a nivel de pedagoxía”. Neste sentido, subliñou que “o bo profesor éo con e sen lousa dixital” pero que “os profesores malos ou normais vólvense excelentes” porque “melloran a comunicación co alumno e captan a súa atención”. “Podo aventurar que a aprendizaxe mellora en máis dun 50% e en profesores que manexan moi ben a lousa hai niveis do 70, 80 e 90%”, subliñou.

Pola contra, Dulac sinalou que a lousa xera a dificultade de atender a 25 ou 50 alumnos e á tecnoloxía ao mesmo tempo. Por este motivo, destacou que tecnoloxía ten que ser “moi cómoda” e que é necesario que o profesorado reciba unha formación específica porque sen ela convértese nun “cacharro incómodo” na aula.

Formación e material

A comunidade galega recibirá un montante de 338.068 euros para dedicar a formación dos especialistas en novas tecnoloxías e ós profesores e 5.363.232 para fornecer o material dixital.

Agora haberá que confiar en que as nosas autoridades educativas fagan o seu traballo e dispoñan todo o necesario para que en setembro o alumnado de 5º de Primaria en Galicia poida finalmente poñerse á altura da calidade educativa da que gozan dende hai anos noutras comunidades.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión / Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión / Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión / Cambiar )

Google+ photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google+. Cerrar sesión / Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: